sábado, 10 de febrero de 2007

Peche Reitoría. COMUNICADO DO COMITÉ DE FOLGA Á COMUNIDADE UNIVERSITARIA.

COMUNICADO DO COMITÉ DE FOLGA DO PERSOAL LABORAL DA UNIVERSIDADE DE VIGO
O Comité de Folga do persoal laboral da Universidade de Vigo, ante o conflicto laboral que estamos a vivir comunica a toda a comunidade universitaria o seguinte:

1. Os sindicatos CIG, CC OO e UGT levamos máis de dous anos negociando o II Colectivo do persoal laboral sen que ata o momento chegaramos a un acordo satisfactorio para todas as partes. O representante do reitor nesta negociación é o xerente da Universidade de Vigo.

2. As reivindicacións sindicais que a xerencia non quere negociar, e nas que polo tanto non existe acordo, son as seguintes:
- Que todos os traballadores da Universidade de Vigo con contrato laboral teñan un convenio de referencia.
- Que ao noso colectivo non se lle regule por ningunha norma restrictiva que non se lle aplique aos outros colectivos laborais.
- Que se nos homologue salarialmente ao persoal funcionario. As tarefas que desenvolve o noso colectivo (conserxería, informática, laboratorios,bilblioteca...) merecen a mesma consideración cas administrativas que son as que basicamente desenvolve o PAS funcionario.
- Que os postos dalgunhas áreas e oficinas (prensa, ofoe, gabinete psicopedagóxico) que levan anos funcionando na Universidade, e polo tanto son estructurais, pasen a formar parte do catálogo de postos de traballo.
- Que as persoas que desenvolvan as mesmas tarefas cobren o mesmo.

3. A asemblea de traballadores acordou realizar un peche na reitoría ata que o representante da universidade presente unha proposta xusta y negocien con boa fe, tal e como estipula o Estatuto dos Traballadores. Tras vinte e un días de encerro a universidade segue sen pasar un texto que permita achegar as diferencias, e mesmo, asuntos que xa estaban acordados, foron deliberadamente eliminados da proposta presentada pola xerencia co único fin de crear conflicto e distanciar máis as partes.

4. O dereito de folga é un dereito constitucional que temos os traballadores e traballadoras para defender os nosos dereitos laborais. Se os sindicatos, co apoio da asemblea de traballadores/as, chegamos a convocar distintos días defolga, é só coa única, e lexítima, intención de obrigar a outra parte asentarse a negociar con boa fe un convenio que resolva os conflictos que levamos anos arrastrando e cuxa resolución terá como beneficiada principal a institución na que traballamos.

5. O reitor e o seu equipo de goberno non poden permanecer impasibles e alleos a un conflito que afecta a máis de catrocentos traballadores e traballadoras da universidade. O reitor nomeou ao xerente e lle delegou as funcións que desempeña, polo tanto, é responsable, en última instancia, do rendemento e das accións deste cargo que tamén forma parte do seu equipo de goberno.

6. O Comité de Folga chama á solidariedade e a comprensión, non só dos órganos que representan aos distintos colectivos de traballadores/as e estudiantes,senón tamén de todas as persoas que conforman estes colectivos. A loita por dignificar as condicións laborais da Universidade de Vigo é a loita de todos,os que hoxe traballamos ou dos estudiantes que son os traballadores e traballadoras do mañá.

7. Por último facemos un chamamento especial aos membros do Claustro Universitario e Consello de Goberno, e demais órganos de decisión da universidade, para que inclúan este asunto nas próximas ordes do día e esixa nunha solución negociada e xusta que axude a resolver os actuais desacordos.

En Vigo a 9 de febreiro de 2007

No hay comentarios: